Macrolepiota procera (Scop. ex Fr.) Singer
choupín, cogordo, monxos, lepiota
FUNGOS
HOMOBASIDIOMICETE
AGARICALES
AGARICACEAE
E: Lepiota
I: Parasol mushroom


Introducción

Os fungos son un grupo de organismos que tiveron problemas de clasificación durante moitos anos. Teofrasto, no século III antes de Cristo, clasificaba os fungos no reino vexetal aínda que sabía que carecían de raíces, talos, follas ou froitos. Plinio o vello, no século I da nosa era, observou que os cogumelos están rodeados duns filamentos (micelio) pero non foi quen de considerar que formaban parte do fungo. Nesa época consumíanse moitos cogumelos como as trufas, a Amanita cesarea (amanitas dos césares) ou o Boletus edulis, polo que Plinio deu algunhas determinacións para distinguir as setas velenosas. Así afirmaba que as que nacen cerca dos niños das serpes, ó lado dos trapos vellos ou no ferro oxidado son velenosas. Outro autor moi posterior como Dioscórides, en 1566, demostra a súa aversión as setas co seguinte comentario:

7


" Tódolos fungos xeralmente, por escollidos que sexan, se se comen sen discreción, quero dicir en grande abundancia, dan a morte afogando. Porque como sexan da súa natureza esponxosa, despois de entrar no estómago, embebe en sí tódolos humores que haxan cos cales se hinchan e se dilatan de tal xeito, que nin pode ir atrás nin adiante e así é necesario que compriman os instrumentos da respiración e por este respecto, impedindo a respiración, afoguen".

As opinións de Dioscórides, e sobre todo de Plinio, calaron moi fondo no mundo occidental, de tal xeito que prevaleceron en toda Europa ata ben entrada a era moderna.

En Galicia o rexeitamento ós cogomelos crese que pode ser debido a unha imposición da igrexa católica fronte a determinados cultos pagáns que permanecían moi arraigados na nosa terra. Non hai moito tempo, principios do século XX, déronse casos de sacerdotes galegos que condenaban nas homilías o consumo de cogomelos.


Caracteres diagnósticos

Cogomelo de gran tamaño. O sombreiro pode acadar ata 30 cm de diámetro; a súa forma é de ovo ó principio, pasando despois a ter forma de parasol cun mamelón central. A cor do sombreiro é marrón clara con escamas marrón escuras máis densas no centro. O himenio está formado por láminas brancas ou de cor crema, apretadas e libres. O pé, bulboso na base e oco, pode acadar ata os 40 cm. Posúe un anel dobre, móbil, de cor branca na parte superior e marrón pola inferior. Está cuberto por numerosas bandas xaspeadas que semellan a pel dunha serpe

Hábitat

Fundamentalmente en prados, aínda que tamén a podemos atopar en claros de bosques como carballeiras, soutos así como en piñeirais. Aparece desde verán a outono.

Especies similares
Podémola confundir con Macrolepiota rhacodes. Esta especie é máis pequena, o seu sombreiro é áspero, pero quizás o carácter que mellor a distingue é que non presenta o debuxo de pel de serpe no pé.

Sinal
Aparición de corpos fructíferos


Enlaces

  • Micoloxía do Oriente Ourensán
    http://www.valdeorras.com/micologia/ Páxina do micólogo ourensán Cristóbal Ruíz
    onde podedes atopar fichas dos cogomelos máis abondosos na comarca de Valdeorras, recetas de cociñá, ditos populares, refráns, e ata debuxos cómicos sobre os cogomelos feitos polo debuxante O Carrabouxo.
  • BIOIMAGES (en inglés)
    http://www.bioimages.org.uk/HTML/R42809.HTM
    Fotos de tódalas partes do choupín
  • Andoa.net
    http://www.andoa.net/paginas/home.html
    Páxina galega, pero en castelán, sobre o mundo das setas. Nela atoparedes unha boa galería de fotos, recetas de cociña e curiosidades sobre o mundo dos cogomelos.