¿Que é a fenoloxía?
Segundo a Organización Meteorolóxica Mundial a fenoloxía trata do estudio dos fenómenos biolóxicos que se presentan acomodados a ritmos periódicos en relación co tempo e co clima. Etimoloxicamente a palabra fenoloxía está composta por dúas palabras de orixe grega que son: phaenein = apariencia e logos = ciencia ou tratado. Hoxe en día, a fenoloxía é unha disciplina compartida tanto polas ciencias naturais como pola meteoroloxía, centrada no estudio dos ciclos dos seres vivos de acordo coas variacións do tempo atmosférico. A fenoloxía estudiará pois a época do ano onde se producen determinados sinais ou fenofases, que marcan o comenzo ou a fin de ciclos anuais dos seres vivos. Como se soe dicir en Galicia, cada planta ten o seu tempero ou momento de floración, e cando florece, soe temporexar, é dicir, que tódalas plantas dunha especie o fan á vez nunha zona determinada. A floración é un sinal do vagar do tempo atmosférico, pero tamén e un sinal a saída e a caída das follas das árbores, a maduración dos froitos, a chegada e partida de aves estivais e invernantes, o canto dos paxaros e dos besbellos, o voo das bolboretas, a chegada da gripe, a construcción das arañeiras, a aparición de alerxias, ou incluso, a data na que deixan de atropelarse os ourizos nas estradas.
A fenoloxía parte do principio de que os ciclos dos seres vivos son os mellores indicadores do tempo atmosférico, pois son o resultado de millóns de anos de evolución acomodando as variacións climáticas á propia supervivencia. Un desaxuste entre ambas partes tería un alto prezo para os seres vivos, de aí que os sensores biolóxicos sexan máis precisos que tódolos algoritmos matemáticos que se poidan deducir da medida das variables climatolóxicas.
A información fenolóxica é unha peza clave para a comprensión dos procesos de interacción atmosfera-biosfera. A partir dela podemos ordenar o territorio en divisións naturais, definindo climas e microclimas, deducir rotas de migración de aves e insectos, interpretar anos agrícolas, avaliar a evolución de pragas, etc. É, por tanto, unha axuda inestimable na planificación agronómica-forestal, nos estudios de ordenación do territorio, e unha ferramenta indispensable no coñecemento autoecolóxico das especies.
¿Que é o proxecto témporas?

O Proxecto témporas é unha páxina web que ten por finalidade crear unha rede de observación fenolóxica vía internet nos centros de ensino de primaria e secundaria de Galicia. Tendo en conta que a meirande parte dos centros de Galicia están conectados á rede, a canalización da información derivada dos datos obtidos nos distintos centros, pódese recompilar de forma rápida (cubrindo formularios e enviándoos por correo electrónico) para posteriormente ser representada en mapas fenolóxicos (mapa de Galicia 1: 750.000), ou para poder ser interpretada e valorada como

materia prima para estudios de distribución de especies, rotas de migración, estudios de expansión e regresión, etc.
Os datos fenolóxicos así obtidos son contrastados con datos climatolóxicos aportados, en primeira instancia, pola rede de estacións meteorolóxicas do Instituto Nacional de Meteoroloxía, e en segundo lugar, por medidas de temperatura tomadas polos nosos alumnos/as nas distintas zonas de aplicación do proxecto.
Fenoloxía e cambio climático
O cambio climático é un feito tanxible. Así de rotundo fala o informe da última reunión do Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) que reuniu en xaneiro do 2001 a políticos e científicos de todo o mundo en Shangai baixo os auspicios da ONU. Neste documento, baseado nos datos aportados por máis de 800 estacións espalladas polo planeta, apórtanse novas e fortes evidencias que constatan que a maior parte do quecemento global non se pode explicar nos termos dunha variabilidade natural do sistema. Un cambio climático das características que se mencionan no informe, moito máis acusado que no informe anterior, supón a maior amenaza que poden sufrir os xa depauperados ecosistemas do planeta.
Os científicos teñen bastantes evidencias de que isto está a suceder cando observan as alteracións nas pautas vitais dos seres vivos. Por exemplo, en Gran Bretaña, e segundo os datos do Woodland Trust, os outonos son moito máis suaves, polo que as follas dos carballos tardan máis tempo en caer. Por outro lado, especies tipicamente estivais, pasan agora o inverno onde antes soamente pasaban a primavera e o verán.
En Galicia especies estivais como as cigoñas están a ampliar a súa área de distribución, e incluso, algunhas parellas do occidente ourensán, xa non voltan ós seus cuarteis de inverno e están a pasar o inverno connosco. Determinadas especies de fungos patóxenos están a producir notables danos nas especies forestais cando antes as árbores podían convivir con elas sen sufrir danos tan intensos. Especies ruderais coma o pampillo, as estrugas ou as Stellarias, que non posúen inhibidores da xermolación, están tendo unha segunda xeración no outono, cando antes soamente xermolaban na primavera. As distintas especies responden de xeito diferente a estes cambios, polo que, de seguro, se modificarán as relacións interespecíficas que compoñen a estructura mesma dos ecosistemas.
A medida de todos estes cambios, é a forma máis directa de constatar como o cambio climático está modificando os ciclos da natureza.