Normas para a recollida de datos fenolóxicos e asignación das datas para os sinais
Aínda que as observacións fenolóxicas foron desde o comenzo dos tempos unha actividade habitual nas sociedades agrícolas, os primeiros intentos de normalización nacen a comenzos do século XIX, da man do fenólogo e matemático belga Quetelet. Sen embargo, non vai ser ata 1935, ano da Primeira Conferencia Internacional de Fenoloxía, cando se produza unha normalización a nivel europeo.
En España, a Sección de Climatoloxía do Servicio Meteorolóxico Nacional, organiza os estudios fenolóxicos en 1943 e nese mesmo ano publica as "Normas e instrucciones para las observaciones fenológicas". A última edición data do ano 1989.
O obxectivo das normas é que a recollida dos datos sexa uniforme, e que deste xeito, todos poidamos medir o mesmo sinal e da mesma forma. Por exemplo, de nada vale que un observador sinale o día no que lle cae a folla ós carballos, cando ve que lle cae unha, e outro o sinale cando xa lle caeron todas. Se non homoxenizamos as observacións estariamos traballando cunha marxe de erro moi grande que faría inútil a observación fenolóxica e imposible a súa coordinación.

As normas do proxecto témporas están baseadas nas Normas do Instituto Nacional de Meteoroloxía e nas normas do Global Phenological Monitoring (GPM) pero con certas variacións, xa que, nin son sempre as mesmas especies, nin estamos a medir o mesmo sinal. Ademais témporas pretende ir máis alá, formulando unha serie de actividades paralelas á medición do sinal.

Nas fichas específicas, aparece máis pormenorizado tanto a forma de medir o sinal como as actividades complementarias.

Normas
Ler concienzudamente as normas antes de facer calquera medida ou anotación

Débese sinalar un día fixo no que se verificou o sinal que estamos a medir. Aínda que as observacións se realicen unha vez cada semana.

Unicamente se cubrirán os formularios específicos cando se observe algún sinal, se non se detecta o sinal ou a especie non está presente na zona, non se cobren. Soamente se enviarán os formularios ó coordinador unha vez rematado o ciclo que estamos a medir. Por exemplo, cando remata a floración do salgueiro, se o sinal é a floración, ou a data de migración das rulas, cando xa non vemos ningunha rula. Para facilitar o labor do coordinador recoméndase mandar conxuntos de formularios de distintos sinais.

Se o observador se ausenta do lugar durante algún tempo, deberá buscar un substituto, previamente ensinado na práctica da observación.

As observacións deben referirse como máximo a un entorno de 5 km da localidade indicada, sempre que non haxa diferencias xeográficas ou ecolóxicas notables. Por exemplo: en Pobra de Trives, nun radio de 5km, pasamos de 280 m de altura a 1800 m. Neste caso as variacións son tan bruscas que non poden ser homoxéneas, polo que convén limitar as observacións ó entorno da vila. De tódolos xeitos cada centro pode valorar estes gradientes (que son de gran interese) establecendo dentro da zona estacións independentes.

Deben buscarse lugares de observación normais nos que as plantas e animais se desenvolvan en condicións tamén normais. Non debemos seleccionar plantas que vivan nas hortas, pois poden verse beneficiadas por determinadas actuacións humanas. Como estación normal considérase, se estamos a traballar p.ex. co carballo, o centro dunha carballeira que non sufrira nos últimos tempos incendios podas ou talas.

As observacións se basearán en alomenos tres exemplares do mesmo lugar e doutros lugares con condicións similares co fin de homoxenizar a mostra e limitar ó máximo a marxe de erro. No caso das árbores deberán ser os mesmos individuos tódolos anos (debedes marcalos dalgún xeito), e escoller as pólas que estean orientadas ó sur.

As observacións sobre matorrais (toxo, xesta) deben facerse en sitios abertos e, a poder ser, que non posúan moita pendente, para que non resulten favorecidos ou perxudicados por diferencias de insolación ou profundidade do solo. Rexeitaremos, asi mesmo, os matos que sufriran lumes nos últimos anos, e os que se asentan nos taludes das estradas ou desmontes.

Sempre se escollerán plantas vigorosas que leven tempo no lugar. Escolleremos aquelas que estén máis afastadas das casas e dos muros.
Se estamos a traballar cunha especie da que temos soamente un individuo, como por exemplo unha árbore, sinalaremos a data de aparición do sinal cando se faga visible polo menos na terceira parte da planta.

Se estamos a traballar cun conxunto de plantas, deberá sinalarse a data na que aparece o sinal alomenos na metade dos individuos que constitúe o conxunto.

Asignación da data para os distintos sinais

1. FLORACIÓN:
Primeiras flores

Mes e día no que aparece a primeira flor; pero non nun só exemplar, senón en varios exemplares da mesma especie. As flores deben estar abertas, con estames e pistilos visibles (no caso das leguminosas, visibles se baixamos a quilla).
Floración xeral
A metade das flores nos distintos exemplares da planta están abertas. No caso de arbustos haberá ramas en flor e ramas sen elas, calculade polo número de ramas cal será a metade.
Fin da floración

As últimas flores están murchas, fáltanlle pezas (pétalos) ou o ovario comenzoulle a medrar.


2. FOLIACIÓN
(no caso de especies de folla caduca)

Primeiras follas
Mes e día na que as superficies superiores das follas (o haz) son visibles en diversos exemplares das plantas. Estas, contempladas desde certa distancia (non demasiado lonxe), presentan en conxunto un tinte verdoso. Nos carballos a apertura das xemas foliares e a saída das follas non sucede ó mesmo tempo en todos os exemplares da carballeira, esto é unha protección contra as orugas que se alimentan delas, pois aproveitan esta fase, na que as follas teñen menos taninos (compostos químicos que reducen a dixestibilidade das proteínas foliares) para comelas. Nestes casos asinade o día no que vexades o tinte verde xeral alomenos nun individuo.

Cambio de cores das follas
Mes e día no que as cores do outono aparecen sobre máis da metade das follas. Algúns carballos atacados de mildeu (un fungo do xénero "Microsphaera", que tiñe cun velo branco pulverulento as follas) non deixan apreciar o cambio de cores.

Defoliación, caída das follas
Mes e día na que aproximadamente a metade das pólas aparecen núas. Podedes seleccionar varias ramas da árbore e contar as follas cando xa cambiaron de cor. Debedes ter en conta que os individuos novos non tiran a folla con tanta facilidade e cambian de cor antes; se podedes rexeitádeos. Moitas veces o responsable directo da caída masiva é o vento, e, se non fai un outono moi ventoso poden quedar follas nalgunhas árbores coma o carballo e sobre todo no cerquiño. É importante, por tanto, sinalar a primeira quenda de caída de follas e prescindir das que aínda quedan.

Crecemento foliar
Marcando unha serie de follas (unhas 10 por exemplar) debuxade o perfil cada semana para despois medir a área e poder estudiar o ritmo do crecemento. Ó principio do verán algúns exemplares botarán unha segunda tandada de follas nunhas ramiñas verticais. Podedes tamén medir o crecemento foliar destas segundas follas, aínda que non é preciso.

3. MAMÍFEROS

1


Fin do letargo invernal

Mes e día do primeiro contacto co individuo. No caso dos ourizos o primeiro día que se ve un atropelado na estrada.

Principio da hibernación
Mes e día do último contacto.


4.AVES

Chegada
Mes e día no que se observa ou se oe o primeiro exemplar

Asentamento
Mes e día no que se observa asentamento dalgún individuo. Andoriñas e Andoriñas de cu branco facendo ou arranxando niños.


Territorialidade

Mes e día no que se oe por primeira vez o canto do xirín, e més e día no que se deixa de oir.

Partida

Mes e día no que os animais se deíxan de ver. Normalmente vén precedido por un comportamento de agrupamento no que os paxaros vense en grupos en determinadas zonas como cables da luz, prados etc.

2

5.INSECTOS.
Primeiro voo

Mes e día no que se observa o primeiro voo da especie, ou datas nas que despois de moito tempo sen observalo reaparecen outra vez. Dá unha idea do período que pasan na fase de adultos.

6. ARÁCNIDOS.



Primeira arañeira

Día e mes no que se observa por primeira vez a construcción de arañeiras da femia de Araneus diadematus

Última arañeira
Día e mes no que a serie de arañeiras que tiñamos marcadas e que fomos visitando nas últimas semanas desaparecen, ou están rotas e non apreciamos a presencia da femia.

7. GRIPES e ALERXIAS

Primeiros casos
Mes e día do primeiro caso de gripe ou alerxia, se é alerxia especificar tipo, que se produce na comunidade escolar. Sempre confrontado co Certificado Médico.

Ultimos casos
Mes e día do ultimo caso de gripe ou alerxia na comunidade escolar.

Evolución da epidemia
Análise temporal da epidemia constatando o incremento de casos co tempo.

3

7. FUNGOS (cogomelos)

Presencia de corpos fructíferos (cogomelos,setas).
Día e mes da primeira observación, na estación seleccionada. Podedes seleccionar a estación ó chou pero, é mellor que vaiades a aquelas zonas onde se constatara a súa presencia noutros anos.

Final do ciclo reproductivo
Día e mes no que na estación de mostreo non se constata a presencia ou crecemento de novos corpos fructíferos desa especie