Araneus diadematus Clerk
Araña da cruz
ANIMAIS
ARÁCNIDOS
ARANEIDOS
ARENEAE
E: Araña de jardín
I: European garden spider

 

Os arácnidos son unha clase de artrópodos que se distinguen dos insectos por presentar 4 pares de patas e carecer de antenas e ás. Ademais presentan unha división corporal diferente ós insectos; o corpo está dividido en dúas rexións ben diferentes: unha anterior, o prosoma, que leva os catro pares de patas e os quelíceros e pedipalpos ó redor da boca, e outra posterior o opistosoma ou abdome, xeralmente máis voluminoso, que non presenta divisións nin posúe apéndices.

hex2.jpg
Caracteres diagnósticos
A araña da cruz é unha das  arañas de xardín máis común que podemos atopar en todo o hemisferio norte. No seu voluminoso abdome  destaca o  deseño de manchas claras  en forma de cruz que contrasta sobre un fondo que pode variar moito en cores, desde o laranxa ata o negro. Existen outras especies, dentro  do xénero Araneus que tamén posúen un deseño de manchas en cruz, pero nunca aparecen como na femia de A. diadematus, cunha cruz como a da orde de Santiago (cruz compostelana) invertida, co eixe maior alongándose lonxitudinalmente pola parte dorsal do abdome. O deseño en cruz das manchas é máis aparente nos individuos escuros, e está causado por células con pigmentos brillantes situadas debaixo da cutícula.
hex3.jpg
Outro carácter distintivo da araña da cruz son as súas arañeiras ou teas; grandes arañeiras con forma de roda de carro de ata 50 cm. de diámetro que se dispoñen case perpendiculares ó chan en sitios medianamente abertos pero con suficientes puntos de unión para amarrala. Normalmente constan de 25 a 30 radios  separados por ángulos de entre 12 e 15 graos, e o centro da roda está lixeiramente desprazado cara á parte superior da arañeira.
hex4.jpg As arañeiras son trampas moi eficaces tanto dende o punto de vista estructural como funcional; os fíos de seda están formados por unha proteína  moi rara, a fibroína, que posúe unha resistencia á tensión superior ó aceiro debido a que está constituída por uns aminoácidos cunha cadea lateral moi curta que forman enlaces moi recios entre eles e, por outra banda, o seu deseño posibilita que unha araña situada no centro da espiral poda sentir as tensións orixinadas en calquera parte da arañeira e actuar en consecuencia.  


As femias son as encargadas de realizar as arañeiras, e para que realmente cumpran a súa función deben ser fabricadas tódalas noites. O cabo do día a tea vai sufrindo multitude de roturas e distensións que a fan pouco eficaz, polo que a araña empeza a destruíla ó principio da noite coméndoa toda xunto cos pequenos insectos fixados e envoltos nela, para despois empezar a facela de novo. Ó mencer, a arañeira xa estará acabada.

hex5.jpg
Etnobioloxía
As arañeiras son usadas como remedios naturais para varios propósitos; por exemplo, en Galicia e noutras partes de Europa usábanse as arañeiras para cortar a hemorraxia de feridas, e tamén parece ser, que eran utilizadas polas meigas para realizar determinadas pócimas máxicas. Existen algúns agoiros que se basean na observación das arañeiras ou no tempo cando se constrúen: así dise que en tempos de bonanza climática as arañas non constrúen teas e se, de súpeto, se multiplica o número de teas nunha zona determinada, é un indicio da chegada de chuvias. Plinio o vello, xa recollía na súa Historia Natural unha versión modificada deste agoiro, e afirmaba que antes de que os ríos empezaran a aumentar o seu caudal por fortes chuvias, as arañas construían as súas teas a unha maior altura, evitando así ser arrastradas polas augas.


Sinal
A femia de Araneus diadematus tarda en chegar á etapa adulta case un ano, e cando o fai é moi fácil de ver;  constrúe unha gran tea de máis de 40 cm. de diámetro e libera unha feromona para atraer ós machos. Esta fase é variable dependendo fundamentalmente de parámetros climáticos, polo que en zonas con temperaturas medias altas, a maduración é máis rápida empezando a atoparse no mes de agosto e noutros máis fríos aparecerán case entrado o outono. O sinal será por tanto a presencia de femias de A. diadematus descansando en arañeiras de máis de 40 cm. de diámetro. Os hábitats máis axeitados para atopala son os bordos dos camiños, os claros dos bosques, entre postes dos valados, etc. Sen embargo, o hábitat onde a súa presencia é máis visible, é nos prados de herba alta, onde os talos secos das gramas ofrecen un soporte vertical idóneo para a suxeición da tela.

Enlaces:
Grupo Ibérico de Aracnoloxía
http://entomologia.rediris.es/gia.htm
Páxina en castelán con abondosa bibliografía en liña e espléndidas fotos.

Araneus diadematus
http://www.ivory.org/spiders/araneus.html
Páxina estadounidense na que se describe con magníficas imaxes o ciclo reproductivo de A. diadematus.

Páxina educativa da Universidade de Michigan (EEUU)
http://animaldiversity.ummz.umich.edu/accounts/araneus/a_diadematus.html
Todo sobre hábitat, alimentación, comportamento, ciclo vital e construcción da tea.

Construcción dunha arañeira
http://www.xs4all.nl/ ~ednieuw/spiders/info/Construcción_of_a_web.html
Páxina holandesa (en inglés) onde se describe a construcción dunha arañeira paso a paso.

Arachnology
www.arachnology.be/Arachnology.html