|
|
|
|
Identificación
O cuco
é unha ave estilizada de tamaño mediano cun rabo longo
e ancho e ás apuntadas. A súa cor é cincenta
agás o peito e o ventre que son abrancazados con finas listas
grisáceas. O seu rabo é tamén de cor cincenta
bordeado por unha lista branca. As femias son parecidas ós
machos pero cun toque máis apardado. Entre as femias aparece
unha variedade ou forma parda moito máis listada na cabeza,
corpo e rabo . Ámbolos dous sexos teñen o iris, a
anel orbital, a base do pico e as patas de cor amarela. Os individuos
novos presentan un aspecto variable, poden ser pardos ou
cincentos, máis ou menos listados, pero todos se recoñecen
pola presencia dunha mancha branca na caluga e por presentar nas
plumas do dorso unha estreita marxe de cor branca.
Cando o cuco está pousado podemos identificalo por ter as
ás caídas e o rabo un pouco alzado.
|
8 |
9
|
En
voo distinguímolo do gabián polo seu aleteo regular
sen apenas planear e polo xeito que teñen de bater as ás
arqueándoas cara abaixo.
Vive nunha grande diversidade de hábitats agás nas grandes
cidades. Aquí, en Galicia, podémos atopalo en áreas
cultivadas con árbores, matogueiras, e en xeral en tódolos
terreos arborados onde existan grande cantidade de insectos. |
O Parasitismo
O cuco é unha ave de cría parásita, é
dicir, non constrúe niño, senón que pon un ovo
no niño doutra especie, a especie hóspede. Os hóspedes
poden ser moi variados: azulentas, carrizos, papuxas, paporrubios,
etc, pero normalmente cada femia especialízase en parasitar
a unha especie en concreto e pon ovos coas cores semellantes á
da especie hóspede. Unha vez que o polo do cuco rompe a casca,
guinda do niño ós seus irmáns adoptivos e faise
o dono indiscutible do niño. O polo do cuco está tan
adaptado a esta relación ,que ata imita o son dunha rolada
enteira de paxaros solicitando alimento dende o niño,polo que
os pais, normalmente moito máis pequenos, asumen a tarefa de
criar a este insaciable xigante coa mesma entrega coa que criarían
a súa propia rolada.
|
10 |
O
canto
(pulsa aquí
para escoitar o canto)
Seguramente moitos de nós aínda que nunca víramos
un cuco, estamos seguros da súa existencia pola presencia inequívoca
do seu canto. O canto é o mellor carácter diagnóstico
da súa presencia; de feito o seu nome científico, e
o vulgar na maioría dos idiomas, é unha onomatopea
do seu son.
O canto do macho consiste nunha secuencia rítmica de dúas
notas, a primeira un pouco máis marcada, cuu-cu, que empeza
a escoitarse a principios de abril, aínda que hai anos que
se escoita xa en marzo, e deixa de facelo a finais de xullo ou principios
de agosto. Ás veces, cando o macho está excitado pode emitir
un canto de tres notas semellante ó da bubela. |
Etnobioloxía
A etnobioloxía
do cuco é moi ampla e variada, cobrindo aspectos relativos
o canto e os seus agoiros con respecto o paso do tempo, o parasitismo,
ou mesmo como sinal nos ciclos agrícolas:
- Se
non se escoita o cuco entre marzo e abril pode ser sinal de que
é a fin do mundo, e si se retrasa en vir, anuncia males.
Pódese saber cantos anos lle quedan a un de vida preguntándollo
ó cuco, pola maña, en xexún, dicíndolle:
" Cuco rei, ¿cantos anos vivirei?", e tantas
veces como cante seguido: cuu-cu, tantos anos son. Do mesmo xeito
pode saber unha moza cantos anos lle faltan para se casar.
-
Con respecto ó seu carácter parásito, e moi común
en Galicia e España chamar cuco a aquela persoa hábil
que consegue o que se propón co mínimo esforzo.
Paradoxicamente no inglés coloquial "cuckoo"
emprégase para designar a unha persona parva, de poucas
luces. En Galicia é moi coñecido o dito:"son
da opinión do cuco, paxaro que nunca aniña, pon
un ovo en niño alleo e outro paxaro llo cría.
- O
canto é tamén un sinal para algunhas labouras agrícolas:
"Cando chega o cuco vén o pan ó suco".Outro,
como este recollido por Valentín Rodriguez (4º ESO,
IES Trives) en Chandrexa de Queixa que di : Tantos días
para o cuco de cucar, tantos días paran os seitores de
segar, fai referencia a que cando chove, o cuco deixa de cantar, e como o centeo non se pode recoller mollado, interrómpese a
sega durante uns días.
|
Enlaces
- birdguide.com
(en inglés)
http://www.birdguides.com/html/vidlib/species/cuculus-canorus.
É unha das mellores páxinas sobre ornitoloxía
que existen na rede. Nela atoparedes información xeral
sobre o cuco así como vídeos descarbables e arquivos de
cantos de cuco e do resto dos paxaros. Imprescindible.
- Rspb
(inglés)
http://www.rspb.com
É o portal de información da Real Sociedade de Protección
das Aves de Gran Bretaña, unha das asociacións sobre
o estudio das aves máis importantes do mundo. Na súa
sección migrantes on line, atoparedes datos fenolóxicos
do cuco e das principais especies migrantes de Europa.
|
Sinal
O sinal
que temos que rexistrrar é a primeira vez que escoitamos
o canto do cuco. Normalmente escóitase primeiro na costa
alá por finais de marzo e chega ó interior de Galicia a principios
ou mediados de abril. A mellor hora do día é pola
tarde, e se o tempo é calmo e sen chuvia moito mellor, con isto
non quere dicir que non cante pola mañá ou cando chove,
pero é moito menos habitual.Como é un canto tan coñecido,
podemos facer partícipes da nosa investigación a parentes
ou amigos para ter a seguridade de que se recolleu o sinal xusto
cando se pon a cantar e non posteriormente. Polo demais o
cuco seguirá cantando, incluso con máis intensidade
que ó principio, ata ben entrado o verán.
|
|
|