|
|
|
|
|
|
|
Árbore procedente
do suroeste de Australia e da illa de Tasmania, foi introducida
en Europa no ano 1820, como planta ornamental, pola súa espectacular
floración perfumada e o seu carácter temperá.
Hoxe en día podemos atopar estas árbores dende a costa
ata os 1000 metros de altura, principalmente nas ladeiras de solana,
nas ribeiras dos ríos e ó longo das vías de
comunicación. A súa expansión polo noso territorio
comenzou polo 1940 debido ó seu uso para asentar os taludes
do ferrocarril, extendéndose por gran parte da rede ferroviaria
e de ahí espallándose polas estradas. O papel de especie
ideal para fixar os terreos de ladeiras abruptas, viña avalada
por unha serie de características como son:
|
|
|
- Rápido
crecemento e expansión, fundamentalmente pola producción
de chupóns a partires das raíces.
- Acadar
a madurez moi cedo, ós 3 ou 4 anos xa poden producir sementes
que poden persistir no solo con capacidade para xermolar durante
50 anos.
- Resisten
moi ben os lumes e as cortas, ata incluso rexeneran con máis
forza, producindo vástagos a partir de xemas durmintes
de debaixo da codia.
- Por
seren unha leguminosa, como o toxo ou a xesta, posúe a
capacidade de mellorar a fertilidade do solo ó ser capaz
de fixar nitróxeno atmosférico.
Estas
características, que no seu país de orixe poden ser
un remedio fronte ós problemas de erosión, convertíronna
en Galicia nunha praga, debido a outra consecuencia que soe descubrirse
cando se poñen en contacto especies orixinadas en lugares tan distintos.
As mimosas posúen substancias alelopáticas ou alelotóxicas
(allelo=diferente, pathos= transtorno, enfermidade), é dicir,
substancias que limitan ou inhiben o crecemento doutras especies
diferentes. Normalmente, en Australia, como resultado da evolución
en común das distintas especies, as plantas que coexisten
coas mimosas están adaptadas a estas substancias e posúen
mecanismos que as ignoran, pero a flora galega non os ten, polo
que practicamente debaixo dunha mimosa non medra nada que non sexa
a propia mimosa (algo semellante pasa co eucalipto).
|
|
|
En
Galicia as propiedades alelopáticas da mimosa véñense
estudiando dende hai varios anos polo departamento de Ecoloxía
da Universidade de Santiago (ver enlaces ó final desta
páxina). Nestes estudios apreciaron que os lixiviados,
a auga que escorrega pola pranta e cae no solo, están cargados
de substancias que inhiben a xermolación de sementes e
o desenvolvemento de raíces doutras plantas que tentan
instalarse debaixo delas. Parece ser que os lixiviados das flores
son os máis activos. Esto acrecenta moito o problema cando
se produce a caída da flor no chan, non só por concentrar
a substancia, senón por que coincide coa época de
xermolación de moitas plantas anuais e bianuais.
|
|
En
Portugal, que teñen o mesmo problema ca nós, levan
anos loitando contra esta praga, que está ameazando auténticas
reservas vexetais como son o Parque Nacional de Busaco (refuxio
de flora do Terciario) e o Parque Nacional de Peneda-Gerés.
En Galicia non se tomaron, polo de agora, medidas de manexo das
poboacións, aínda que está amenazando de forma
alarmante a maior parte dos bosques de ribeira sobre todo na conca
do Miño e do Sil.
Etnoloxía
As
mimosas, pese a levar con nós tan pouco tempo, aparecen integradas
no folclore galego de xeitos diversos, sobre todo relacionadas coa
súa floración temperá: utilízanse as
súas flores para decorar as casas, e incluso os parachoques
dos automóviles no entroido. No Carballiño lévase
a cabo dende hai anos a Festa da Mimosa, un recital poético
no que se ensalza a floración desta planta como sinal da
fin do inverno e a inminente chegada da primavera. As varas dos
chupóns do ano utilízanse no Ribeiro para atar e guiar
as viñas, e noutros lados como guías de plantas gabeadoras
comos as fabas ou os chícharos.
Xunto co emú e o canguro, representa o emblema nacional de
Australia, aparecendo no escudo da nación. Obviamente é
neste país onde as mimosas posúen máis aplicacións:
·
Co exudado das plantas, o que os ingleses chaman gum, previamente
disolto en auga, faise unha bebida azucrada. O mesmo gum disolto
en auga e fervido no leite usábano os primeiros colonos europeos
para curar a disentería e as diarreas.
· Os aboríxenes fabrican boomerangs coa súa
madeira e fan infusións coa codia para remediar a indixestión.
· A codia presenta unha grande cantidade de taninos que se
usan para o curtido de peles. Este uso fixo que fora introducida
en Sudáfrica, onde tamén é unha praga.
· As follas producen pigmentos amarelos ou verdes dependendo
do tipo de mordente que se use: Aluminio, cromo ou cobre.
· Moi usada para aillar esencias sobre todo para uso en perfumeria.
· En Tasmania é moi utilizada en ebanistería
e para fabricar pasta de papel.
· É un excelente hábitat, pois atrae ás
cotorras e as cacatúas en busca de insectos e das súas
sementes, e a algún marsupial, como os esquíos marsupiais
que se alimentan do gum. Infinidade de escarabellos e formigas dependen
das súas follas e das súas sementes.
|
|
Caracteres
diagnósticos
Árbore
de ata 15 metros de altura con copa cónica e pólas
inclinadas. A cortiza é brillante de cor verde ou azul grisácea
cando é nova, transformándose posteriormente nunha
cortiza lisa castaño escura case negra. As follas son compostas,
bipinnadas divididas en pequenos foliolos e presentan no nervio
principal, no punto de inserción das pinnas, unha serie de
pequenas glándulas. As follas novas teñen uns peliños
densos e laúdos sendo dunha cor branco verdosa que lle dan
un aspecto prateado (de aí o seu nome en ingles "silver
wattle" acacia prateada) .
O máis representativo desta árbore é a floración.
As flores reunidas en inflorescencias ou capítulos terminais
ou axilares forman racímos dun amarelo intenso que semellan
pelotiñas de la. Cada pelotiña, o capítulo,
contén entre 50 e 100 flores, e cada flor ten pequenos sépalos
e pétalos, 5 longos estames e un ovario con un estilo que
sobresae por encima dos estames. O froito é unha legume de
cor marrón (foto anexa). Aínda que a floración
é anual a producción de
|
|
|
|
sementes
posúe máximos cada 2 ou 3 anos. É indiferente
en canto o solo, pero medra mellor nas ladeiras orientadas ó
sur, un pouco por riba da chaira de inundación dos ríos,
pois rexeita os terreos asulagados. |
|
Distribúese
formando manchas ailladas ou agregados ó chou que se dispersan
por toda a ladeira. Aínda que as manchas non soen sobrepasar
a media hectárea poden progresar e producirse a unión
de varias. Os mellores exemplos da súa progresión e
distribución atópanse a altitudes baixas penetrando
polos ríos dende a costa ata o interior ata os 700 m, sendo
especialmente espectaculares na cidade de Ourense e en toda a cuenca
do Miño e do Sil. A fotografía que acompaña a
este texto foi tomada no val de Quiroga (Lugo) |
|
|
|
Sinal:
Principio e final da floración
É
a planta coa a que imos comenzar os datos de floración do
ano, polo que hai que estar ben atentos á súa floración.
Xeralmente comenza a temporexar en febreiro-marzo aínda que
pode facelo en decembro-xaneiro, primeiro nas costas e continúa
progresivamente adentrándose no interior (a través
dos ríos) polo que pode haber, dependendo dos anos, ata case
tres meses de diferencia coas estacións da montaña
interior. Debido a súa floración tan temperá,
non se poden facer estimas do momento da floración polo método
da integral térmica, pois vai depender das condicións
climatolóxicas sufridas durante o verán e o outono.
|
|
|
- Principio.Debemos
anotar o momento en que empeza a floración en algún
dos seus racimos. Esto ponse de manifesto cando, cunha lupa, observamos
os estames libres e con anteras amarelas, e fanse aparentes uns
peliños brancos, os estilos dos ovarios, que sobresaen
uns 2mm por riba das anteras dos estames. Neste momento a mimosa
empeza a arrecender. Na foto contigua podemos ver capítulos
en distintos estados. O que nos marca o momento da floración
(o sinal) é o máis grande de abaixo onde os estames
libres danlle un aspecto de pompón.
-
Final. Os capítulos (boliñas cheas de flores) toman
unha cor castaña escura e empezan a caer, ou se se tira
deles despréndense con facilidade. Tomarase como data final
cando non vexamos ningún racimo en flor (con capítulos
castaños ou sen eles).
- Progresión
da praga. A actual penetración da mimosa na paisaxe galega
é alarmante, polo que moitas veces non nos damos de conta da súa
evolución. Se na vosa estación tendes unha ladeira
cunha extensión considerable e orientada ó sur na
que se aprecie a floración
|
|
da
mimosa, poderíades facerlle unha foto cada ano para poder
así establecer patróns de distribución sobre
o terreo e tentar avaliar a evolución da súa distribución
ó longo dos anos.
Enlaces
·
http://www.guiaverde.com/arboles/Acaciadealbata.htm
Ficha descriptiva en castelán con fotos da floración
e datos sobre o seu cultivo.
· http://life.csu.edu.au/herb/acacdeal_sws.html
É a dirección do xardín botánico de
Victoria en Melbourne (Australia), onde poderedes atopar unha ficha
descriptiva sobre a bioloxía e a etnobioloxía da mimosa,
obviamente en inglés.
· http://ejournal.sinica.edu.tw/bbas/content/1999/1/bot41-10.html
Resumo do artigo dos profesores Carballeira e Reigosa sobre os efectos
alelopáticos da mimosa. Tamén en inglés.
|
|
|
|
|
|