|
|
|
|
|
1
|
Todo
o mundo coñece ós ourizos cachos; pequenos mamíferos
nocturnos con fociño de porco e corpo cuberto de espiñas,
que teñen o costume de se enrolar sobre si mesmos cando se senten
ameazados.
En
Galicia aparecen por tódolos lados, dende a costa ata os
1600 metros de altura, alí onde a súa comida (artrópodos
que viven na faramalla, miñocas, froita, etc) sexa abondosa,
e onde haxa árbores caducifolias que lle abastezan de follas
mortas para construir os seus niños. É por isto que
son moi comúns en lindeiros de bosques e nos espacios rurais
en xeral, e máis escasos en zonas húmidas, piñeirais
e nas altas montañas, onde hai menos materiais para face-los
niños e, con frecuencia, menos alimento dispoñible.
Poden aparecer nas vilas, pero sempre na proximidade dalgún
parque, xardín ou calquera tipo de espacio aberto onde alimentarse
e construir o seu niño.
|
|
Malia
ser un animal tan extendido, o feito de ser nocturno e crepuscular,
fai que sexa moi difícil constatar a súa presencia polo día,
salvo nas estradas, onde morren atropelados por miles cada ano.
Tódolos anos repítese un patrón de atropelos
que comenzan despois da súa hibernación, alá
polo mes de marzo, e continúa ate que diminúe a temperatura
por baixo dos 10º C. Nestas condicións xa non son activos
e comezan a buscar lugares quentiños onde pasar o seu letargo
invernal. Para afrontar este sono profundo, cébanse de comida
durante os meses de agosto e setembro co fin de fabricar unha boa
capa de graxa que lles chegue para resistir toda a estación
fría durmidos no seu niño. Cando espertan, alá
por marzo, poden pesar a metade do que pesaban antes de hivernar.
|
|
Mortandade de ourizos
Os ourizos non posúen inimigos naturais que poidan regular
as súas poboacións de forma determinante; de feito,
soamente o porco teixo é quen de penetrar nas súas espiñosas
defensas, e para eso ten que ter moita fame. Pola contra, son os coches,
os chamados inimigos mecánicos, os que producen unha espectacular
matanza sementando de cadáveres as nosas estradas tódolos
anos. Cando un ourizo cruza unha estrada e se ve cegado polas
luces e o ruído dun coche, adquire unha posición defensiva,
que consiste en enrolarse sobre si mesmo e permanecer inmóbil
durante un tempo. Nunha estrada con moito tráfico pode quedar
nesta pose durante un bo anaco, aumentando así as posibilidades
de morrer esmagado. Parece ser, que no Reino Unido, os ourizos están
aprendendo a correr diante dos coches en vez de enrolarse. Estes
ourizos "corredores" deberían ser máis abondosos,
se a porcentaxe de sobrevivintes fose maior, pois terían máis
posibilidades de pasar os "xens corredores" ás futuras
xeracións. Sen embargo parece que non é así.
Os corredores teñen máis posibilidades, ao movérense,
de atravesar as traxectorias dos coches e morren por igual nas estradas.
En calquera caso, houbo moi pouco tempo, en termos evolutivos, para
que o ourizo adaptara a súa forma de vida á presencia
dos coches.
Moitas
veces os ourizos caen en furados de obras, cunetas cementadas ou
en canais de formigón dos que non poden sair, polo que morren
de fame en poucos días. Nestes casos, convén poñerlle
unha rampiña de madeira para que poidan fuxir ou facilitarlles
a saída a través dun furado.
|
|
12 |
Etnoloxía
O naturalista romano Plinio o vello (século I) contaba na súa
Historia Natural, que os ourizos tiñan o costume de achegarse
aos pomares a finais do verán, para revolverse de costas contra
as mazás caídas. Con esta práctica conseguían
levar ás súas moradas varias mazás pinchadas
nas púas. Este feito era interpretado como un anticipo da chegada
dos tempos fríos.
Plinio
tamén conta que, daquela, coas púas dos ourizos facíanse
peites para cardar a la, e que os ourizos eran conscientes
disto, polo que, cando vían a un cazador con intención
de convertelo en peite, arrolábanse e mexaban sobre sí
mesmo un líquido tan pezoñento, que facía que
as púas se estragasen, e como consecuencia, morrían
máis tarde víctimas da súa propia pezoña.
|
|
En Galicia,
dous mil anos despois de Plinio, aínda se conserva a lenda
do ourizo e as mazás, e por outro lado, crese que as púas
dos ourizos son velenosas. Isto pode ser debido a dous feitos: por
un lado, que chegara ata os nosos días unha versión
do conto de Plinio e o mexo pezoñento e, por outro lado,
se contemplamos algunha vez un ourizo de cerca, o que primeiro salta
á vista é a cantidade de pulgas e carrachas que se
poden ver entre as súas púas, sobre todo nos flancos
e rodeando as orellas. Isto non quere dicir que sexa un saco de
pulgas pois, realmente, non ten máis parásitos que
outros animais do mesmo tamaño, sen embargo, son moito máis
aparentes, pois non hai pelo que os tape, e as cores gris azuladas
das carrachas contrastan moito coa pel pardo clara dos ourizos.
Se a isto lle sumamos un penetrante cheiro a " carneiro",
xa temos unha auténtica pezoña andante. Temos tantas
posibilidades de coller unha infección ó pincharnos
cunha púa de ourizo como cunha silva.
Algúns
din que os ourizos posúen tantos parásitos porque
se se rascaran pincharíanse. Esto non é certo, de
feito coas uñas das patas traseiras poden facelo, pero parece
que ós parásitos esto non lles importa.
|
|
Sinal e recompilación de datos
O sinal que imos utilizar é a presencia nas estradas de preas
de ourizos. Pode que vos pareza un pouco macabro e para algúns
noxento, pero dá unha medida moi precisa do momento no que
o ourizo deixa o seu letargo invernal. Este momento ten lugar no
mes de marzo nas zonas de clima máis suave, e no mes de Abril
nas zonas de montaña.
A
mortandade nas estradas é un sinal que se utiliza moito para
estudiar as poboacións de ourizos, tanto para estudiar o
seu ciclo anual de actividade como para facer estudios de densidade.
Nós soamente imos traballar co seu ciclo anual de actividade,
aínda que deberemos anotar na ficha as características
das zonas onde se producen un maior número de atropelos (ver
final desta sección).
|
|
|
Como
máis da metade da poboación escolar galega ten que
desprazarse en bus para ir a clase, o observatorio máis axeitado
para levar a cabo o reconto de atropelos é nos asentos de
diante do autobús escolar.
|
|
Alí tedes de man ó conductor que vos pode dar moitos
datos de mortandade de ourizos se fai outras rotas diferentes ás
vosas. Unha vez situados nos asentos de diante, contaremos os ourizos
mortos, na viaxe de ida os de un lado da estrada e nos de volta
os do outro lado, anotando algunha referencia que nos sitúe no lugar.
Estas referencias poden ser:
- A
referencia da estrada (Nacional 525, Comarcal OU-234, etc., estas
referencias veñen en calquera mapa de estradas).
- O
nome do pobo e, concretando todo o que se poida, co fin de non
mesturar os datos; por exemplo: dous ourizos mortos no pobo de
San Xoán, entre unha casa rosa e un grupo de bidueiros.
É
importante levar un conteo bastante meticuloso, xa que as preas
poden durar moito tempo no lugar, ou desaparecer rapidamente, debido
tanto á influencia humana como a os carroñeiros, que
acoden ós cadavers a comer e sácanos fóra da estrada. Moitas
veces, a mellor forma de non contar dúas veces o mesmo ourizo
é contalos e sacalos da estrada.
Naqueles
puntos negros onde a densidade de atropelos fora maior do normal,
podedes investigar o porqué. Para isto tende en conta todos
estes parámetros que agora vos amosamos e, de seguro que poderedes
deducilo.
- Se
o percorrido da estrada é recto ou curvo, chan ou en pendente (máis
ou menos pronunciada)
- Anchura
da estrada e anchura do arcén se é que existe.
- Velocidade
máxima permitida nese tramo, velocidade estimada dos vehículos.
- Tráfico
intenso, moderado,escaso.
- Tipo
de cuneta: fonda, pouco fonda, de formigón, de terra, con
plantas, limpa, acabada de limpar, con rellas, etc.
- Nivel
da estrada con respecto ó resto do relevo: 1 metro más
baixa, 1 metro máis alta, etc.
- Estrada
aillada do resto por malla de aramio (autopistas e autovías)
ou normal, separada dos campos por muros etc.
- Visibilidade
para os conductores nese punto da estrada.
- Zona
urbana, rural, monte, etc.
- Vexetación
das beiras:
- 1º.
Tipos: mato, herbas e prados, arboreda (carballos, bidueiros,
ameneiros, soutos, etc), sitios despexados entre matos, etc
- 2º.
Distancia entre a vexetación e o asfalto
- Existencia
de outros animais mortos nese punto. ¿Cales?
- Calquera
outro factor que se che ocorra.
A partir
de todo o que aprendiches con esta investigación ¿que
cambiarías na estrada para evitar que morreran tantos ourizos?
|
|
|
|
|