Streptopelia turtur turtur (Linnaeus)
Rula, rola
ANIMAIS
AVES
COLUMBIFORMES
COLUMBIDAE
E: Tórtola común
I: Turtle dove

Tódolos anos, por abril, chega a rula ata Galicia procedente da África subsahariana (Gambia, Senegal, Mali, Nigeria, etc.). Chega para buscar parella e para botar dúas roladas de ruliñas que en setembro voltan a cruzar o Sáhara para pasar o inverno. É moi común vela, ó mencer ou no solpor, case sempre en parellas ou en pequenos grupos, comendo sementes nas cunetas das estradas ou mesmo no medio delas. Moitas veces están tan ocupadas comendo, que dan a impresión de que non ven os coches, pero elas, moi acostumadas a este mester, saben erguer o voo no momento axeitado.

15
As rulas forman parellas estables durante todo o tempo que pasan connosco. Túrnanse para chocar os ovos, danlle ós pichóns o leite que os dous fabrican no bucho, e por se fora pouco, arrúlanse suavemente para demostrar o seu intenso apaixonamento.

Caracteres diagnósticos

As rulas son un pouco máis pequenas que as pombas (Columba livia), é tamén máis estilizadas, pero aseméllanse moito na forma xeral do corpo e mesmo na silueta. Os dous sexos son iguais: cabeza cincenta, parte dorsal do corpo pardo-alaranxada con pintas negras, e o papo e o peito rosa claro que se dilúe ate chegar case a un branco no ventre. Un dos trazos máis distintivos da súa plumaxe son as 3 franxas negras e brancas a ámbolos lados do pescozo. De máis perto veredes que ten unha mancha vermella que rodea ós ollos tamén vermellos. En voo destaca a súa cola negra con marxes brancos, e o contraste entre as cores pálidas das partes ventrais e as ás cincentas. Ten un voo rápido e directo, con bandazos intermitentes ós lados. Aqueles que vivades na liña de costa podedes ter dúbidas con outra especie de rula, a rula turca (Streptopelia decaocto) pero, a diferencia da común, pasa connosco toda a vida, e limítase a vivir en parques e xardíns, gustándolle especialmente os paseos con palmeiras. Aínda que non aparece nun número moi elevado, a súa presencia está constatada en toda a costa, residindo os maiores efectivos nas cidades de A Coruña e Vigo. A rula turca, é unha especie en expansión. A principios deste século soamente se coñecía dos seus lugares de orixe na India e Asia menor, pero en 1930 aparece nos Balkáns, introducida polos turcos, de aí o seu nome. A partir de aquí comenza a súa expansión por Europa occidental: chega á Gran Bretaña na década dos 50, en 1960 vese en Asturias por primeira vez en España, e no ano 1973, o ornitólogo ferrolá X. Rodriguez Silvar constata a súa presencia na súa cidade, rexistrándose nese mesmo ano tamén na cidade de A Coruña. Anos máis tarde chegará a Vigo. No seguinte cadro comparativo podedes ver os principais caracteres diagnósticos das dúas especies
Rula común

Rula turca

16
16

Dorso pardo con manchas escuras

Dorso pardocincento sen manchas
3 franxas negras no pescozo

franxa negra no pescozo

Peito rosa e ventre branco

Peito e ventre cremosos

Cola negra con marxes externos brancos

Cola negra coa metade externa branca

Hábitat: zonas abertas con arboreda e arbustos, campos de millo, frecuente nas cunetas, soutos das beiras dos ríos, etc.

Hábitat: tipicamente urbano, parques e alamedas de vilas e cidades

Frecuente en toda Galicia ata os 1000 m.

Frecuente na costa e áreas limítrofes

Canto: os machos arrolan  ou rosman un “rrrrrruuuu” constantemente

Canto: un rítmico “u, uuuu, ú” de tres notas, repetido en series longas

Estival

Sedentaria


O declive da rula

As rulas non están a vivir os seus mellores momentos. Non se sabe moi ben a causa, pero o certo é que dende os anos 40, o descenso no número de efectivos reproductores e xeralizado en toda Europa e norte de África. En lugares como Holanda, estímase que nos últimos 60 anos diminuíu a poboación de rula entre un 20 e un 50%. En Galicia, e no resto da península Ibérica, o descenso é moi acusado dende 1984.

As causas concretas da regresión da especie non son ben coñecidas. Suponse que poden ser un conxunto de factores que afectan ás rulas tanto na área de cría (neste caso Galicia) como na área de invernada (África subsahariana). No que respecta á área de cría, este descenso podería estar motivado pola destrucción do hábitat, sobre todo pola desaparición das sebes e franxas de arboreda lineais,por mor das concentracións parcelarias e de montes. Outras causas poden ser o declive da agricultura cerealista e o emprego de herbicidas. Respecto a este último factor, desde os últimos anos, estanse a empregar masivamente herbicidas, tanto de translocación como de contacto, sobre as cunetas das estradas e das vías ferreas, co fin de controlar as malas herbas e evitar os incendios. Isto produce dous efectos: por un lado mata as malas herbas, que son a principal fonte de sementes na dieta da rula, e por outro, ó tirar as follas, é moito máis sinxelo para os depredadores acceder ós seus niños. Nunha viaxe en tren Santiago-Vigo, que fixemos na primavera do ano 1994, puidemos constatar como, despois da aplicación dun herbicida, era relativamente doado ver os niños das rulas cos ovos ó longo do arcén.Tampouco podemos esquencer a posible mortandade producida pola inxestión destes productos.

Por outro lado a rula é unha especie cinexética. En España cazábanse por miles cando pasaban pola península con destino ós países de Europa septentrional. En determinadas zonas de España, como Navarra e Euskadi, en abril, os cazadores apostábanse para abatelas naquelas zonas de paso onde os grandes bandos se pousaban para beber.

Nos lugares de cría, como Galicia, vense sometidas a unha presión de caza tamén grande, sobre todo na media veda, que é o tempo no que os adultos xa remataron, hipoteticamente, as labouras de cría da última rolada de pichóns. Simplemente un dato; como mínimo o 11% dos niños se perden pola morte dos reproductores na media veda. Polo que o calendario das medias vedas non está moi acompasado co calendario reproductor das rulas.

É probable que as principais amenazas residan nas súas zonas de invernada, onde podería verse afectada pola seca e o emprego de insecticidas organoclorados. En calquera caso, faltan evidencias concluíntes.

No "Libro rojo de los vertebrados de España"califican á rula como especie vulnerable, e propóñense unhas medidas de conservación como són:

  • Adecuada xestión dos ecosistemas agrarios, potenciando a conservación das sebes.
  • Mantemento de cultivos cerealistas, e os arbolados, especialmente nas ribeiras dos ríos.
  • Prohibición da súa caza en España por un período de catro anos ou inicio máis tardío das medias vedas.
  • Limitación no uso de herbicidas e insecticidas.
Sinais

Temos que constatar a presencia ou ausencia da rula nas distintas localidades. Para esto deberemos estar atentos a dous sinais: por un lado ó contacto visual, e por outro, o canto nupcial dos machos, o que en galego se coñece como RULAR (facer clic aquí para escoitar).

Normalmente o sinal do canto é o primeiro que se detecta, aínda que moitas veces non é así. Debedes estar moi atentos sobre todo a finais de marzo e durante todo o mes de abril. As primeiras aves que chegan onda nós parecen estar un pouco despistadas. E moi usual velas nos cables da luz ou do teléfono, tanto soas como en parellas ou en pequenos grupos. De seguido póñense a buscar parella: fan unha parada nupcial de pavoneo e logo os machos defenden os territorios rulando. En Galicia, como no resto de España, poñen dúas roladas e a primeira posta realízase principalmente en maio e xuño. A incubación dura uns 15 días e ós 20 días de nacer os pichóns abandonan o niño. Posteriormente inician unha segunda rolada que botan a voar na primeira quincena de agosto. Durante todo o verán poderás ver ós pichóns froito destas unións. A diferencia dos adultos, non posúen franxas negras no pescozo, e a cor do seu corpo é, en xeral, parda con manchas escuras no dorso das ás.

17


A data na que deixan o noso país é tamén importante, e por isto, debedes estar ben atentos. Neste caso o sinal visual é o único que nos vale, pois xa deixan de rular bastante antes de emprender o voo de regreso. Normalmente, ten lugar durante a segunda quincena de agosto e a primeira de setembro, aínda que poden verse exemplares a principios de outubro. Cando se preparan para marchar, soen agruparse en cables da luz. Nesta época aconséllase un rexistro visual diario e apuntar o día que vimos ás rulas por última vez.

Enlaces

Caracteres diagnósticos:

Existe todo un comité de investigación en rede para tratar o problema do declive da rula

Debuxos de rulas: