|
|
|
Redes
de observacións fenolóxicas |
|
|
Unha rede
é un conxunto de estacións meteorolóxicas que ademais
de medir variables climatolóxicas miden ou sinalan a época
na que se producen determinados sinais fenolóxicos.
Segundo
o Instituto Nacional de Meteoroloxía, a realización de
observacións fenolóxicas de forma aillada e sen axustarse
a ningunha norma é de escasa importancia científica e
de ningunha utilidade práctica, polo que os datos fenolóxicos
teñen interese cando podemos comparar as distintas zonas do territorio
traballando con varios ou moitos puntos, e cando todos estamos a medir
o mesmo sinal e do mesmo xeito. É por isto que dende o comenzo,
os estudios fenolóxicos, a parte de seguir unhas normas para
a observación, posúen máis valor se existe unha
rede de observadores espallados por toda a xeografía.
Dende o
ano 1942, existe en España unha rede de fenoloxía dependente
do Instituto Nacional de Meteoroloxía. Son estacións meteorolóxicas
nas que os operarios ademais de medir as variables climatolóxicas,
realizan unha serie de observacións fenolóxicas. Actualmente
(ano 2000) soamente hai en España 130 estacións que recollan
datos fenolóxicos, das cales 11 están en Galicia.
|
|
|
Historia
das observacións fenolóxicas e das redes fenolóxicas |
|
|
Historia das observacións fenolóxicas
Como xa mencionamos na sección das Normas, as observacións
fenolóxicas foron unha práctica habitual no desenvolvemento
das culturas dende o establecemento das primeiras sociedades agrícolas
no neolítico. Antes da invención do calendario, a referencia
temporal máis axeitada para iniciar as labouras agrícolas
era por un lado, os cambios astronómicos, e por outro, o vagar dos
ciclos dos seres vivos. Apareceron así os calendarios naturais, moi
patentes aínda nas distintas culturas. |
|
|
Na
cultura zen e noutras culturas animistas, as rochas, os seres vivos e os
seus ciclos vitais posúen un valor sagrado polo que adquiren unha
importancia relixiosa que se manifesta en series de datos fenolóxicos
máis extensas. En Kioto (Xapón), a antiga capital do
país, está recollida unha serie de datos
de floración dunha especie de cerdeira, Prunus jamasakura,
que vai dende o século IX ata os nosos días, e que foi recompilada
ó longo dos séculos a partir de crónicas escritas
por emperadores, gobernantes e monxes de Kyoto, aparecendo representanda
ademais en distintos cadros como este de Hokusai titulado " o
monte Fuji detras das cerdeiras en flor ".
Noutros países posúen datos fenolóxicos locais dende
o século XVIII, recollidos por xeracións sucesivas de familias
que tiñan por tradición a observación fenolóxica. |
|
|
|
En Gran
Bretaña o Woodland trust, organismo dependente do Centro para a
Ecoloxía e Hidroloxía e do Instituto Nacional de Meteoroloxía
inglés, permite comparar os datos actuais con datos históricos
que van dende 1736, e deste xeito avaliar as tendencias pasadas, co fin
de facer prediccións do futuro.
Historia
das redes fenolóxicas
A primeira
rede fenolóxica créase en Alemania no ano 1780, no seo da
Sociedade Meteorolóxica de Manheim, e pouco máis tarde nacerían
as redes fenolóxicas de Rusia, Estados Unidos, Gran Bretaña
e Italia. Por estas datas, Quetelet, un fenólogo belga, establece
unhas primeiras normas para as observacións fenolóxicas.
Sen embargo, a normalización a nivel europeo, procede da Primeira
Conferencia Internacional de Fenoloxía, que tivo lugar en Dancig
(Polonia) en 1935.
Os estudios
fenolóxicos en España nacen en 1883 da man de Miguel Merino,
director do observatorio de Madrid e parente do insigne botánico
Baltasar Merino, o Padre Merino. Pero vai ser moito máis tarde, en
1942, cando a Sección de Climatoloxía do Servicio Meteorolóxico
Nacional instaure unha rede de estacións fenolóxicas. O
número inicial de colaboradores da rede en 1942 era de 230 personas,
para posteriormente aumentar ata un máximo de 400 en 1960 e dende
aquí descender ata os 130 da actualidade.
A tendencia
no descenso no número de colaboradores das redes fenolóxicas
foi unha pauta xeneralizada en case tódolos servicios de meteoroloxía
do mundo durante a segunda metade do século XX, debido en parte
o establecemento de estacións automáticas nas que era imposible
realizar observacións fenolóxicas. En países como
o Reino Unido, con datos fenolóxicos desde 1700 e con redes desde
1875, abandonáronse os estudios no ano 1946, (ver enlaces ó
final desta páxina). En Finlandia aconteceu o mesmo nos anos 60,
e algo similar sucedeu en Italia, Canadá e os Estados Unidos nos
anos 50.
A tendencia
ó abandono dos estudios fenolóxicos vai sufrir unha inflexión
na década dos 90 como consecuencia dos últimos traballos
sobre a dinámica climatolóxica do planeta e a constatación
do cambio climático. Os institutos meteorolóxicos déronse
de conta que non posuían algoritmos matemáticos precisos
para determinar o impacto do cambio climático sobre os ecosistemas,
polo que se empezaron a crear novas redes de estudios fenolóxicos.
Así naceron varias redes, algunhas de ámbito nacional, outras
internacionais e incluso outras mundiais. Todas estas redes posúen
dúas características comúns: funcionan a través
de internet, e os observadores son tanto científicos, como voluntarios
ou estudiantes. Se queres ver en que consisten consulta os enlaces
que veñen ó final desta páxina.
|
|
|
A
Fenoloxía en Galicia |
|
|
O
feito de que o Director do observatorio de Madrid, Miguel Merino, fose parente
de Baltasar Merino, o máis insigne botánico galego, trouxo
como consecuencia que unha das primeiras estacións fenolóxicas
de España se asentara en Galicia.
Baltasar
Merino, máis coñecido como Padre Merino, chegaría
con 32 anos a A Guarda (Pontevedra), para impartir clase de física
e química no Colexio Pasaxe dos Pais Xesuitas, despois dun longo
periplo formartivo en América. En 1887 o Padre Merino dirixirá
o observatorio meteorolóxico que fundara neste centro o Padre Ramón
Martínez e, é aquí onde empeza a realizar toda unha
serie de observacións fenolóxicas. O Padre Merino asumiu a
tarefa con tanta
|
|
|
|
enerxía
que só catro anos despois aparecería publicado un resumo
dos datos no Boletín Mensual do Servicio Meteorolóxico Nacional.
Este traballo tivo gran sona no entorno científico nacional, pois
debido a súa extensión, gráficos e observacións
fenolóxicas pasaba por ser unha das mellores climatoloxías
locais españolas publicadas ata entón. Non contento coa
mera exposición dos datos, creou un diagrama de balance hídrico,
describiu 140 especies de plantas indicadoras do clima da zona, contrastou
determinadas variables biolóxicas como a diversidade florística
en relación coa temperatura do aire, utilizou fórmulas modernas
como a De Candolle, ou integral térmica, xustificando así
a presencia no Rosal de tabaco ou vides. Ademais, e por si isto fose pouco,
engadía 34 refráns climatolóxicos do Val do Miño
(*).
|
|
|
|
O labor
de Merino ten para nós un valor especial, non só por ser
unha referencia básica nos estudios fenolóxicos e botánicos,
senón porque fixo ciencia dende a escola. Para a maioría
das medidas fenolóxicas axudábase dos seus alumnos, e eles
eran partícipes na importante tarefa que estaban a desenvolver.
Naquela época era máis normal que se fixera ciencia dende
a escola; de feito, das 5 estacións meteorolóxicas que había
en Galicia, contando a de Merino, 3 delas estaban nos Institutos de Vigo,
Coruña e Ourense, e unha na Universidade de Santiago.
|
|
|
Merino será
por desgracia un oasis no deserto da Fenoloxía galega, e aínda
que en 1921 se creara a Misión Biolóxica de Galicia, os
estudios de agrobioloxía e fenoloxía non se retomarán
ata ben pasada a metade do século, e sempre a partir de estudios
climáticos, como os de Bellot e Casaseca, que servirán de
base para posteriores estudios ecolóxicos.
O certo e que non hai nada máis que salientar, soamente que case
non hai observadores, actualmente 11 en toda Galicia.
(*)Prólogo
de Díaz Fierros e Fraga Vázquez na Edición facsímil
de Viajes de herborización por Galicia, Baltasar Merino, 1901
(Ed. Do Castro,1987)
No
ano 1995 celebrouse o 150 aniversario do nacemento do Padre Merino. Froito
das homenaxes que se lle fixeron figura na rede unha pequena web realizada
polo Conservador do Herbario Merino, F. J. Silva Pando, na que se recollen
as vicisitudes do herbario dende a morte de Merino en 1917 ata os nosos
días
http://flora.uv.es/herbarios/boletín_1.htm
|
|
|
|
|
|
|
Enlaces
sobre redes fenolóxicas |
|
|
Proxecto
internacional dirixido a escolares de Rusia, Finlandia, Suecia e Noruega.
Traballa con sinais como a saída da folla, o crecimento foliar,
a caída, a floración, etc, do Arando, capudre e bidueiro,
así como a chegada de determinadas aves. O proxecto está
promovido pola Oficina Estatal de Educación do Condado de Finnmark
(Rexión de Barents), proporcionando ós centros o material
necesario sempre e cando o proxecto estea integrado no curriculum do centro.
Proxecto
iniciado en 1998 para revivir os estudios de fenoloxía no Reino
Unido. Traballa tanto con plantas como con animais.
Promovido
polo Devonian Botanic Garden da Universidade de Alberta (Canadá),
traballa cos tempos de floración primaveral de 8 especies de plantas.
Participan escolares e voluntarios de toda Norte América. Os formularios
para establecer as estacións de mostreo son moi interesantes.
É
unha iniciativa do Grupo de Estudios Fenolóxicos (GPM) da Sociedade
Internacional de Biometeoroloxía (ISB). Ten como fin correlacionar
as tendencias fenolóxicas coas climáticas, especialmente
no contexto do cambio climático global. Neste proxecto as escolas
de todo o mundo participan no Global Plantwatch Program que consiste en
determinar as datas da foliación primaveral da especie de árbore
dominante en cada rexión. No GLOBE participan escolares e observadores
voluntarios de todo o mundo. GLOBE é hoxe en día a páxina
web sobre estudios mediambientais máis potente. Nela atoparedes
formularios para medir practicamente todo, dende a altura das árbores,
a temperatura e humidade do solo etc. Asimesmo figuran índices
climáticos que vos axudarán a calcular a data aproximada
na que se produce a foliación. Non volo perdades.
|
|
|
Mapas
fenolóxicos. A forma de representar a aparición dos sinais
no territorio galego |
|
|
Os
mapas fenolóxicos, ou mapas de isofenas, son a representación
sobre o mapa da aparición temporal do sinal. Interprétase
como calquera mapa de isoliñas, no que se representan unha serie
de liñas que resultan de unir puntos nos que o sinal que estamos
a medir sucede no mesmo período de tempo. As isofenas deben aparecer
formando conxuntos paralelos de liñas como se se tratase das curvas
de nivel dun mapa topográfico ou as isobaras nun mapa do tempo,
pois, todas representan liñas que unen puntos co mesmo valor.
|
|
|
|
Unha vez que se recollan os datos anuais dun sinal determinado, mándanse
ó coordinador, e compilarase a información
de tódolos centros e vai introducila nun programa de ordenador
deseñado para facer representacións de isoliñas.
Os valores que se asumirán para cada isofena dependerá do
sinal a medir, variando dende observacións semanais ata quincenais.
No proxecto
témporas realizarase un mapa de isofenas de escala 1:750.000 ou
de escala 1:1.000.000 dependendo do número de observadores que
se vinculen ó proxecto. Canto maior sexa o número de centros
máis precisión terá o mapa e maior será tamén
a escala a que poidamos traballar, sempre que teñamos unha rede
distribuida por todo o territorio.
|
|
|
|
|
|
A
continuación se representa o mapa de isofenas que elaborou o INM
para o ano 1988-89 con respecto á chegada da anduriña a España.
Os valores das isofenas son quincenais, polo que se asume que, por exemplo
no caso de Galicia, as anduriñas chegan entre finais de febreiro
e principios de abril, case 15 días antes ás Rías Baixas
(1-III) que Á Coruña (15-III), e case un mes antes ás
Rías Baixas que ó oeste de Lugo (1-IV). |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|